¿Como espertou a curiosidade en Darwin?

Seguro que a viaxe no H.M.S. Beagle significou moito para el. Partiu de Gran Bretaña en decembro de 1831. Previuse que a viaxe durase dous anos, pero tardou cinco en volver. Arribou en outubro de 1836.
O barco estaba ao mando do capitán Robert Fitzroy, que acolleu a Darwin nel por recomendación do botánico John S. Henslow, que simpatizaba co mozo Charles. Durante cinco anos, Darwin houbo de escoitar as opinións de Fitzroy, conservadoras e creacionistas até o extremo, sen pestañear. Stephen Jay Gould di que as opinións do capitán serían un acicate para que Darwin elaborase unha teoría oposta.
De cando en vez enviaba a Henslow caixas de especímenes, e este ensinábao aos seus colegas. Un achado de Darwin (o cranio fósil dun megaterio, enorme antecesor extinto do perezoso xigante de Sudamérica, tamén extinto) produciu sensación cando Henslow presentouno nunha exposición da British Assotiation for the Advancement of Science. Leu, ademais, extractos de moitas das longas cartas de Darwin en sesións da Philosophical Society, co resultado de que, sen sabelo, o mozo naturalista convertíase en Inglaterra en científico respectable.
é difícil dicir cales foron os datos máis importantes para Darwin. A súa argumentación toma nocións de todas as disciplinas científicas da época. Pero non cabe dúbida de que as súas observacións nas Illas Galápagos desempeñaron un papel importante na elaboración do seu modelo dos mecanismos de transformación das especies.
Cando chega á Illa de San Cristóbal fíxase especialmente nas tartarugas e os pinzones. Estas aves, como resolverá unha vez chega a Inglaterra coa axuda do ornitólogo John Gould, constan de catorce especies nas illas, todas semellantes ás do continente, pero con fisonomía e hábitos diferentes
Tras estes e outros moitos datos, Darwin veu pensar algo parecido ao que segue: se se ten en conta o parentesco da totalidade dos animais do mundo, como forman grupos, como se distribúen xeograficamente e como varían, aínda que sexa pouco, dun sitio a outro, faise moi difícil concibilos como especies fixas.


 

Tags: , ,