Tectónica de placas

O val do Rift de Etiopía ábrese e África pártese a un ritmo duns 16 milímetros ao ano. Trátase dun fenómeno xeolóxico moi lento, pero tamén dunha oportunidade única de seguir en directo o movemento dos continentes. […] Esta descomunal fractura prodúcese porque no val do Rift de Etiopía se xuntan dúas xigantescas placas litosféricas, a africana e a arábiga, que agora se están separando. O tempo estimado para que este proceso cambie realmente o aspecto de África mídese en millóns de anos, pero de forma ocasional as tremendas presións baixo o solo provocan xa episodios catastróficos, como o ocorrido en setembro de 2005, cando se abriron centos de fendas na zona.

Outra investigación recente […] tratou de confirmar, nun amplo estudo sobre o conxunto de Asia, como son as placas tectónicas: duras e crebadizas ou brandas e viscosas? A primeira hipótese suxire que os continentes parten en anacos nos choques entre placas tectónicas, a segunda que aumentan de espesor ao xuntarse. O resultado da investigación corrobora que a resposta correcta non é senón unha combinación das dúas hipóteses: «Encontramos que a maior parte de Asia é moi dura e rompe coma un prato de cerámica, pero tamén que hai grandes anacos, como o Tíbet ou as montañas Tien Shan, que parecen deformarse como a plastilina», comenta Calais [xeofísico americano responsable da investigación].

Val do Rift

Un dos grades interrogantes que non responde a tectónica de placas é a formación de moitas illas volcánicas, como Hawai, Galápagos ou Canarias. A explicación máis utilizada é a de penachos térmicos: parte do material do manto terrestre sobe ao ter unha maior temperatura e unha menor densidade e funde ao chegar á superficie formando unha illa ou unha montaña submarina, lonxe dos bordos das placas tectónicas. Non obstante, se ben a maioría dos xeólogos está de acordo con esta teoría, non deixa de ter tamén detractores.

CLEMENTE ÁLVAREZ. El País, 14/03/2007

Canarias

Podes ler a noticia completa en:

Los geofísicos siguen en directo la deriva de los continentes

 Cuestións para 1º A

 1. O artigo fai referencia ao único lugar do planeta onde pode observarse un continente quebrando en terra firme. Localiza na Internet algunha imaxe dese feito que se comenta.

2. Os científicos seguen hoxe en día debatendo acerca da natureza das placas tectónicas. Explica brevemente, ao fío dos exemplos que sinalan, a que poden referirse ao consideralas duras ou brandas.

3. Tamén fai mención a certos feitos que na actualidade segue sen explicar a teoría da tectónica de placas. Achega algunha reflexión acerca desa realidade, en relación cos límites da ciencia e coa súa evolución dinámica.

 

Tags: ,