A Viaxe do Beagle

Charles Robert Darwin, o naturalista inglés que conceviu a teoría da evolución orgánica e o seu principio básico que é a selección natural foi seleccionado polo Almirantádego Británico para acompañar ó Capitán Robert Fitzroy da Royal Navy -a bordo do navío da Súa Maxestade “Beagle” para investiga-las costas da Patagonia, Terra do Fogo, Chile e Perú, para visitar algunhas illas do Océano Pacífico e para establecer unha serie de estacións cronométricas arredor do mundo.A viaxe estaba planificada para ser de longa duración xa que debería circunnavega-la terra saíndo de Inglaterra ata o Atlántico Sur, pasa-lo Cabo de Fornos, percorre-lo Pacífico Sur, cruzar ata o Índico e retornar polas costas occidentais do Atlántico ata arribar novamente a Inglaterra.

 O capitán Fitzroy precisaba alguén que o acompañara para completar as súas observacións e para darlle conversa e quen mellor que un home novo, de formación científica e sen compromisos familiares.
 

Todo o traballo posterior de Darwin que culminaría coa publicación da súa teoría da evolución no seu libro “Origin of species” (A orixe das especies), arrinca das observacións e das coleccións de especimenes que recollera entre 1832 e 1836 perante a súa viaxe no “Beagle”

.As illas de Cabo Verde proveeron ó xoven naturalista coa súa primeira experiencia directa da observación dun volcán, no que foi quén, a partir de experiencias propias de comproba-las teorías do xeólogo Charles Lyell e moi en particular a teoría que sostén que as leis naturais se aplican dun xeito uniforme a través do tempo.

No Brasil, Darwin entrou por primeira vez en contacto coa selva tropical e a súa biodiversidade.

Na Arxentina atopou os seus primeiros fósiles -perezosos, mastodontes e cabalos.

 Na Terra de Fogo entrou en contacto cunha raza de homes tan salvaxes, tan desprovidos de calquera sorte de crenzas que ata practicaban o canibalismo e que segundo o propio Darwin, “era difícil acreditar que fosen humanos”. Tres daqueles homes foran conducidos a Inglaterra tres anos atrás polo propio Capitán Fitzroy para “ensinarlles os fundamentos da fe cristiá e o uso dos instrumentos” e foron daquela, con ocasión da visita do “Beagle” repatriados. O xove Darwin confesábase abraiado “ó ver que tres anos foran bastantes para mudar os hábitos daqueles salvaxes nos de tres europeos”.

En Chile Darwin foi testemuña dun tremor de terra e observou os seus efectos en modifica-la altura da terra e a súa conexión coa erupción dun volcán. Repetidamente aventurouse en terra facendo longas, arduas e ata perigosas expedicións na procura de especimenes botánicos e zoolóxicos chegando aínda a ascender á Cordilleira dos Andes e a pasar dende Chile á Arxentina.Das costas de América do Sur continuo viaxe ata as illas Galápagos e xa logo a Tahiti, Nova Celandia, Australia, Illas dos Cocos, Mauricio, África do Sur, Santa Helena, a Illa de Ascensión, outra vez Brasil (para comproba-las medicións dos cronómetros) e xa de regreso a casa, arribando ó porto inglés de Falmouth o dous de Outubro de 1836.

Moito tempo ten transcorrido dende esta viaxe de Darwin polos océanos do mundo e malia o desenvolvemento abraiante da tecnoloxía son moitas aínda as especies de plantas e animáis que quedan por descubrir, por investigar, por entender. Nestes anos, as teorías de Darwin teñen sufrido de fondas e razoadas críticas e de apaixonadas defensas. Froito da revisión e dos avances na comprensión da natureza sufriron de explicación no concreto e de refutación en certos aspectos menores, pero manteñen, en esencia, a súa vixencia na corrente científica que veu denominarse Neodarwinismo.

Aquí podemos ver unha foto do beagle:

imagen

 

Tags: ,